A Tropa Verde, proxecto seleccionado para a segunda fase do programa URBACT
O proxecto medioambiental da Tropa Verde segue recibindo recoñecementos.
A Tropa Verde é un dos 23 proxectos seleccionados para a segunda fase do programa europeo URBACT, de intercambio e aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado. Deste xeito, Santiago segue liderando unha das 23 redes de transferencia, a través do proxecto impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia en colaboración coa empresa Teimas Desenvolvemento.
O Comité de Seguimento do URBACT seleccionou un total de 23 proxectos para a segunda fase do programa europeo, que se desenvolverá ao longo dos próximos dous anos. Nos primeiros 18 meses completarase o período de transferencia de aprendizaxe entre os socios da rede, e o último medio ano será para comunicar e analizar a experiencia cun público máis amplo. Esta fase II do URBACT arrincará a mediados deste mes de xaneiro cunha xuntanza en París con representantes de todos os proxectos seleccionados
Da rede de transferencia liderada por Santiago co proxecto da Tropa Verde formaron parte inicialmente as cidades de Budapest (Hungría) e Dimos Pavlou Mela (Grecia), e posteriormente sumáronse o Guimaraes (Portugal), Niza (Francia), e os 20 municipios que conforman a Opole Agglomeration (Polonia).
Proxecto URBACT
URBACT é un programa europeo de intercambio e aprendizaxe que promove o desenvolvemento urbano sustentable e integrado, englobando 550 cidades, 29 países e 7.000 axentes locais activos. Financiado conxuntamente pola Comisión Europea (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional) e os Estados Membros, URBACT facilita que as cidades europeas traballen de forma conxunta no desenvolvemento de solucións efectivas e sustentables para os principais desafíos aos que se enfrontan, compartindo boas prácticas e a experiencia adquirida e integrando dimensións económicas, sociais e ambientais. No conxunto do Estado foron 17 as cidades recoñecidas por URBACT polas súas boas prácticas, pero só a Tropa Verde abordaba a temática do medio ambiente.
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado