Día Mundial da Educación Ambiental
Hoxe, 26 de Xaneiro celebrase o «Día Mundial da Educación Ambiental» cuxas metas son proporcionar a información e os coñecementos necesarios para adquirir conciencia dos problemas do ambiente, promover unha clara conciencia ecolóxica e participar para o desenvolvemento do sentido de responsabilidade.
No ano 1975 publicouse a Carta de Belgrado, como resultado do “Seminario Internacional de Educación Ambiental” no que participaron máis de setenta países. Desde entón esta data foise convertendo nun recordatorio para que non esquezamos que os nenos son o futuro do planeta, e que nos corresponde ensinar a coidalo como se merece.
Tropa Verde é unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais.
Un propósito fundamental da educación ambiental é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente (resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais, económicos, etc.) e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.
A educación ambiental resulta clave para comprender as relacións existentes entre os sistemas naturais e sociais, así como para conseguir unha percepción máis clara da importancia dos factores socioculturais na xénese dos problemas ambientais. Nesta liña, debe impulsar a adquisición da conciencia, os valores e os comportamentos que favorezan a participación efectiva da poboación no proceso de toma de decisións.
Por tanto, a educación ambiental, máis que limitarse a un aspecto concreto do proceso educativo, debe converterse nunha base para elaborar un novo estilo de vida. Ha de ser unha práctica educativa aberta á vida social para que os membros da sociedade participen, segundo as súas posibilidades, na tarefa complexa e solidaria de mellorar as relacións entre a humanidade e o seu medio. Destes fundamentos parten as iniciativas da Tropa Verde.
Accións levadas a cabo dendeTropa Verde
"Reciclar na escola ten premio" son diferentes campañas para a concienciación ambiental sobre a reciclaxe nos centros educativos.
A finalidade é incentivar a responsabilidade ambiental nos rapaces e rapazas, así como nas súas familias, mediante un concurso con diferente srecompensas, contribuíndo así á redución dos residuos e optimizando a xestión destes.
Ata agora realizáronse catro campañas diferentes:
- Recollida de aceite de cociña usado (Concello de Santiago)
- Recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (Concello deSantiago)
- Recollida de tapóns (Asociación de altas Capacidades de Galicia)
- Recollida de xoguetes en bo estado (Concello de Lugo)
Tamén impartíronse talleres co nome Recicla, Reutiliza e xoga coa Tropa Verde impartidos en 5 centros socioculturais diferentes en Santiago de Compostela, para a concienciación ambiental con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos e numerosas charlas en diferentes centros educativos onde se encontra a Tropa.
En definitiva, a Tropa Verde quere facer fincapé na idea de que o coidado da natureza e os seus recursos é cousa e causa de todos. E o modo en que pretendemos lograr este obxectivo é facéndolles vivir en primeira persoa as problemáticas relacionadas co tema, a través dunha metodoloxía lúdica e unha aprendizaxe baseada no diálogo.