Máis de dúas toneladas e media de pilas e aparellos recollidas na campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos"

Os datos do balance da campaña foron expostos durante a xornada "O papel das cidades na economía circular"

6579785cf1330e1ffd1d431b986f7835c3d36d48
Unha xornada sobre "O papel das cidades na economía circular", celebrada no Cersia, serviu o martes de peche á campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos". O programa, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, permitiu xestionar máis dunha tonelada e media de residuos electrónicos e unha tonelada de pilas.

A campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos" púxose en marcha no pasado mes de xullo, enmarcada no programa Tropa Verde, que desenvolve a empresa Teimas coa colaboración das empresas revertia e Recyclia. Habilitáronse ata 15 puntos de recollida de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos e pilas en centros socioculturais e polideportivos. Neles, os veciños e veciñas fixeron entrega dun total de 1.531 quilos de residuos electrónicos e 1.051 quilos de pilas, e estímase que a súa correcta xestión evitou a liberación de case 620 quilos de CO2 á atmosfera. Esa cantidade é a equivalente ás emisións dun coche novo ao percorrer preto de 3.800 quilómetros.

Ademais, no marco da campaña, a empresa Revertia impartiu cadanseu obradoiro de reacondicionamento de computadores refugados nos centros socioculturais de Vite e O Ensanche. Neles puideron participar un total de 30 persoas, que tomaron conciencia da importancia que ten para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de residuos e aprenderon os pasos a dar para reutilizar un computador. Por último, a campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos" completouse con charlas da Tropa Verde en diferentes centros educativos.

Xornada de Economía Circular 

Os datos do balance da campaña foron expostos durante a xornada "O papel das cidades na economía circular", na que participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia. Xan Duro mostrou a súa satisfacción polos resultados do programa, que "permite concienciar á cidadanía, e no que o Concello suma esforzos con empresas cun claro compromiso ambiental como Teimas, Revertia ou Recyclia". O edil tamén incidiu no impacto que teñen no medio ambiente este tipo de residuos, que "son cada vez máis cuantiosos e que teñen un alto poder contaminante". Neste sentido, lembrou que a batería de níquel dun teléfono móbil pode contaminar ata 50.000 litros de auga, e unha pila tipo botón, ata 600.000 litros.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que "a recuperación deste tipo de residuos pode ser o mellor exemplo da denominada economía circular, un sistema industrial que substitúe o concepto de caducidade polo de restauración, e que ademais de beneficios ambientais claros pode ser unha boa saída para a crise do emprego". 

Na xornada celebrada hoxe participaron expertos como Anabel Rodríguez, directora executiva da Fundación para a Economía Circular; Xavier Labandeira, catedrático de Economía e director de Economics for Energy; José Pérez, conselleiro delegado de Recyclia; Miguel Varela, xerente de Teimas Desenvolvemento; e Alejo Calatayud, responsable de comunicación de Revertia, xuntos profundaron en aspectos coma a xestiónsostible dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, o impulso á acciónclimática nas cidades e o papel a desempeñar polos concellos na economíacircular así coma tamén dar a coñecer os bos resultados da campaña “Longa vidaaos teus aparellos eléctronicos!”


Vía: Concello de Santiago

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando